Velyra Frostbane

Santi

Feiticeira / Artífice / Bruxa de nivel 5 en Faerûn (Estándar)
Rango Plata

Ver página de Wiki

Ver página de D&D Beyond

Hoja de personaje

Velyra Frostbane naceu en Bryn Shander, o maior asentamento de Icewind Dale, no seo dunha familia de nobres locais. Dende pequena mostrou unha curiosidade insaciable, pero non a curiosidade inocente dunha nena polo mundo, senón unha sede escura por entender como se desfacían as cousas: como un veleno detiña un corazón, como o frío conservaba a carne, como a morte podía ser un proceso tan fascinante como a vida. Mentres seu irmán máis vello, Leif, aprendía o oficio do comercio e gañaba o cariño de todos coa súa natureza afábel, Velyra pasaba as horas no soto da casa familiar, diseccionando ratas, fervendo liques e destilando extractos de plantas xeadas que ela mesma saía buscar na tundra. Os seus pais, ao principio alarmados, terminaron por financiar aqueles "experimentos científicos" convencéndose de que a súa filla excéntrica algún día descubriría algo útil: un ungüento milagroso, un conservante revolucionario. Nunca se decataron de que Velyra non buscaba curar nada.
A súa maxia esperta de forma gradual, como unha sombra que aprende a alongarse soa. Herdeira dunha liña de feiticeiros sen grandeza, Velyra descubriu que o seu sangue podía moldear a escuridade, tecer sombras coa mesma facilidade coa que as súas mans mesturaban alquimia. Ao principio foron pequenos xestos: facer que a luz dunha vela tremera, que a súa propia silueta se movese un instante despois que ela. Pero pronto aprendeu a usar esa maxia para cazar. O que comezou como unha necesidade de conseguir espécimes vivos para os seus experimentos converteuse nun pracer enfermizo. Subestimou unha cría de yeti que tentaba capturar nos outeiros xeados, e o encontro custoulle o brazo dereito. Non chorou a perda. No seu laboratorio improvisado, fabricou unha prótese de metal, fría e funcional, que atou ao seu muñón con correas de coiro e selou con ungüentos da súa propia colleita. A dor pantasma nunca desapareceu, e ela cultivouna como un combustible íntimo, un recordatorio de que o mundo só respeta a quen non teme romperse.
A ruptura definitiva coa súa humanidade chegou por algo pequeno, case insignificante: unha mascota. Leif, seu irmán, criara un raposo ártico desde cachorro, o único ser que parecía devolverlle o cariño que el derramaba sen medida. Velyra non o matou por odio a Leif, nin sequera por crueldade deliberada. Precisábao para probar unha nova fórmula, un veleno de absorción lenta que quería observar nun mamífero de tamaño medio. O raposo morreu en menos dunha hora, convulsionando entre vómitos negros, e Velyra tomou notas meticulosas mentres seu irmán rompía a chorar no limiar do laboratorio. Nunca se desculpou. Non entendía que fixera mal. Leif deixou de falarlle, e os seus pais, por primeira vez, mirárona con auténtico medo. Pero Velyra non sentiu culpa. Sentiu alivio: xa non tería que finxir empatía. Os seus ollos, que antes eran dun azul claro como o xeo dos lagos, comezaron a tornarse alaranxados con cada acto que a afastaba máis do que se considera humano. A xente de Bryn Shander notouno, pero tratárono como unha rareza máis da filla dos señores. Ninguén soubo ver a advertencia.
Agora Velyra abandonou Icewind Dale. Non por arrepentimento, senón porque o pobo lle quedou pequeno. Sabe que o poder non se atopa diseccionando raposos nun soto nin roubando fondos da caixa familiar coa escusa da "investigación". Oíu falar da Liga de Aventureiros en Phandalin, un fervello de mercenarios, arcanistas e buscadores de fortuna onde pode probar os seus límites, atopar aliados útiles (ou cobaias máis interesantes) e acceder a coñecemento prohibido que no norte nunca conseguiría. Respeta a Auril, a Deusa do Inverno, non por devoción senón por recoñecemento: ambas son forzas que toman sen pedir permiso. A súa fe é fría e práctica, como ela.
Velyra non busca pracer no sufrimento alleo (iso sería perder o tempo), pero non dubidará en matar, traizoar ou experimentar con quen faga falta se iso a achega un paso máis ao seu obxectivo. O seu brazo metálico range nos días de frío extremo, e ela lubrícao con graxas que destila dos cadáveres das súas vítimas, non por cerimonia senón por eficiencia. Os seus ollos alaranxados brillan na penumbra, son unha mirada que incomoda, que lembra a quen a ven que están diante de alguén que xa elixiu que clase de monstro quere ser. En Phandalin non a espera ninguén. Pero pronto, moitos aprenderán a temer o nome dos Frostbane.