Buscha

Sara

Bárbara de nivel 11 en Faerûn (Estándar)
Rango Oro

Ver página de D&D Beyond

Hoja de personaje

Buscha é unha bárbara orca de 20 anos. Pertence a unha tribo nómade de orcos, á cal leva 10 anos sen ver. Un día, cando tiña só 10 anos, estaba xogando no bosque e perdeuse. Nunca máis volveu atopar á súa familia nin a ninguén coñecido. Seguramente a buscaron, pero ao ser nómades, acabaron por deixala atrás para continuar a súa vida noutras zonas. Dende entón, sobreviviu por si soa en todo tipo de territorios; coñece a maioría de plantas comestibles, medicinais e velenosas, sabe pescar e tamén aprendeu a cazar, aínda que isto non lle gusta. Aliméntase principalmente de plantas, pois non lle gusta matar animais; para ela, estes convertéronse na súa compañía e parte da súa familia. Aproveita todos os recursos da natureza para crear ferramentas, armas e vestimenta.
A súa familia estaba formada pola súa nai, a súa avoa materna e a súa irmá pequena, Flussa, xorda de nacemento, razón pola que Buscha sabe lingua de signos. Non sabe nada do pai nin da familia paterna, pois ao ser nómades, era habitual que as relacións fosen con membros doutras tribos aos que non volvían ver. Isto nunca lle afectou: na súa tribo todos coidaban dos máis pequenos e ensinábanlles a sobrevivir e respectar á natureza. “Colle sempre só o que necesites” era o lema tribal, e tamén o seu. Sempre soñou con volver a velos, pero nunca o conseguiu.
Porén, existe un medo que lle roe por dentro: teme que, despois de tantos anos, xa nada sexa igual. Que ela mesma non sexa a mesma e non encaixe, ou peor, que ninguén se lembre dela. Dálle pánico descubrir que nunca a buscaron e que non era tan importante para a súa familia. É unha inseguridade que intenta afogar día a día, vivindo no momento e evitando pensar no futuro. Quizais por iso nunca se afastou demasiado da zona onde se perdeu. O único que conserva dese día é unha boneca de trapo, que levaba na man cando desapareceu e que nunca soltou.
Ao longo dos anos, foi topando con cidades, vilas e asentamentos, onde realizaba trocos para obter mellores materiais. Interactuaba o mínimo, volvendo sempre ao bosque. Non ten grandes dotes sociais nin labia; vai ao seu, sen facer amizades nin vínculos. Como coa natureza, sigue o lema: colle só o que necesites, e ela non necesita persoas. Nin confía nin desconfía, simplemente lle son indiferente. Con todo, hai unha excepción: os nenos e nenas que están sós. Cada vez que ve un peque en apuros, dálle o que ten, aínda que iso signifique pasar fame. A miúdo faino en segredo, deixando comida ou pequenos agasallos sen mostrarse, para logo desaparecer entre as árbores.
Aos 20 anos xa coñece a moitos mercaderes ambulantes cos que mantén unha boa relación profesional, e foi un deles quen lle falou por primeira vez da Liga de Aventureiros: unha compañía que acepta misións por diferentes territorios a cambio de ouro. Buscha non preguntou máis, como adoita facer, pero interesouse. Pensou que, viaxando con outros aventureiros de distintas razas, podería explorar novas zonas e, quizais, un día, volver atopar á súa familia.